Saturday 04 de May de 2024

A Xunta asina un convenio con UNICEF para apoiar a vacinación contra o coronavirus, a polio e o sarampelo da poboación dos departamentos de Paz, Cochabamba e Pando, en Bolivia


— O Goberno galego destina 100.000 euros á posta en marcha dunha campaña que inclúe a distribución das vacinas garantindo a cadea de frío e accións de sensibilización entre a poboación

A Xunta asinou un convenio con Unicef para vacinar contra o coronavirus, a polio e o sarampelo á poboación dos departamentos de Paz, Cochabamba e Pando, en Bolivia. O Goberno galego destina 100.000 euros á posta en marcha dunha campaña que inclúe a distribución das vacinas garantindo a cadea de frío e accións de sensibilización entre a poboación.

O obxectivo do convenio é previr e mitigar os impactos da pandemia da covid-19 neses departamentos bolivianos a través da mellora do acceso da poboación aos servizos de vacinación; no caso dos adultos, contra o coronavirus, e nos menores de 5 anos, contra o sarampelo e a poliomielite. A acción levarase a cabo en tres ámbitos: a vacinación, a sensibilización e a distribución.

A campaña de vacinación pretende inmunizar contra a covid-19 aos adultos, e aos nenos menores de 5 anos, coas vacinas do esquema preventivo de saúde establecido no país, facendo énfase nas do sarampelo e a polio, ademais de garantir a cadea de frío necesaria para a conservación da vacina coa compra de refrixeradores e co transporte das doses en caixas frías por todo o país. Por outra banda, difundiranse mensaxes sobre a importancia da vacinación a través de medios de comunicación.

O Fondo de Nacións Unidas para a Infancia (UNICEF) é a principal organización internacional que traballa para promover os dereitos da infancia e conseguir cambios reais nas vidas de millóns de nenos/as, en calquera situación de emerxencia e crises humanitarias, con presenza en 190 países.

A Xunta de Galicia ven colaborando dende hai anos con UNICEF Comité Español, tanto no financiamento de actuacións de acción humanitaria e de emerxencias, como de actuacións de cooperación no exterior. O importe das subvencións concedidas desde o 2012 ata o 2021, incluíndo este convenio, é de 1.185.259,45 euros.

A orde de axudas enmárcase no Plan Anual 2021 para a Cooperación Galega, que conta cunha dotación de 7,4 millóns de euros para este ano, 801.400 euros máis que en 2020. Con este aumento do 12% no orzamento, a Xunta dá cumprimento ao compromiso cos axentes da cooperación ao desenvolvemento de garantir un incremento anual do investimento igual ou superior ao 11,4%, adquirido no marco do IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021.

O Goberno galego mantén así o seu compromiso coa cooperación ao desenvolvemento para axudar aos colectivos máis vulnerables e tamén os máis afectados polo impacto da pandemia. Por iso, o Plan deste ano desenvolverase tomando como base a Estratexia de resposta á covid-19 da Cooperación Galega, que foi elaborada en colaboración cos axentes galegos de cooperación, co fin de adaptarse ao novo contexto da pandemia, de tal forma que os recursos e instrumentos da Cooperación Galega se orientasen á loita contra o coronavirus e a dar resposta ás persoas e colectivos máis vulnerables.